Fichas de obradoiros: PINTACHAPA

Nome: Obradoiro de chapas, Pintachapa.
Motivación: As chapas son un interesante recurso material para diferentes obradoiros, creativos, lúdicos e artísticos.
Acción: Pintar chapas para facer equipas e como primeiro paso para persoaliza-las nosas chapas.
Loxística: Superficie plana para apoiar taboleiro, espacio cómodo para manualidades, pintura en esprai.
Idade: A partir de 12 anos.

¿QUE PRECISAMOS?
Chapas, pintura en esprai (botes de 230 ml), un taboleiro. IMPORTANTE: sobre este taboleiro imos pintar, así que é mellor aproveitar un taboleiro vello ou mercar un. As dimensións axeitadas son de 60 x 80 cm para pintar de cada tacada unhas 35-40 chapas. Non valen cartóns ou plásticos porque a pintura pegaría a chapa ao cartón ou plástico e resulta complicado de separar e así queda unha chafallada.

¿E COMO SE FAI?
Buscamos un lugar axeitado para pintar, a sabendas de que se non utilizamos nunca pintura en esprai igual a primeira vez o resultado non é moi alá. Recomendamos pintar nun lugar cun pouco de espacio libre no contorno do taboleiro, polo que poida pasar -que non ten que pasar, claro. No 95 % dos casos non pasa nada, pero o 5 % restante adoita coincidir co día que alguén deixou algo que non se podía manchar xusto ó carón do taboleiro e vas ti e dis "boh, déixoa estar, total non creo que lle salpique"... ¡E zas!-.
Solucionada a ubicación do taboleiro, temos que colocar nel as chapas. Unha distancia de separación axeitada entre chapa e chapa é de 7 cm, e colocalas en filas e columnas facilita o pintado. Comeza por pinta-lo interior das chapas, déixalas secar un pouco (ou daslle a volta con coidado de non mancharte) e logo pinta-la outra cara da chapa. Cólle-lo esprai e le-las instruccións (o normal é que teñas que axitalo con movementos de arriba a abaixo co bote de esprai invertido: coa parte da tapa mirando para o chan durante un minuto máis ou menos). Hai diferentes marcas de pintura en esprai no mercado, como orientación toma o prezo de 2 euros, e un bote dá para unhas 70-80 chapas.
Taboleiro con chapas listo, esprai listo, espazo listo ... ¡Pois a pintar! Pinta sempre de fronte a chapa e pensa que o taboleiro ten catro lados: é mellor pinta-la chapa de fronte dende cada lateral do taboleiro, de xeito que fagas primeiro unha pasada a tódalas chapas dende un mesmo lateral, logo vas ao seguinte lateral do taboleiro (móveste ti ou móve-lo taboleiro, segundo sexa máis cómodo) e pintas. Así co terceiro e cuarto lateral, de xeito que a chapa quede ben pintadiña.
Deixámolo secar un día e logo recollémo-las chapas. Se lle botaches demasiada pintura notaralo porque a chapa fica un tanto pegada ao taboleiro; abonda con botar man dun destornillador de punta plana para libera-la chapa.

Nenhum comentário: