Artigo Revista Galega de Educación: marzo 2007


Pre-texto

Vaias onde vaias, has atopar chapas, non importa se é Fisterra ou Singapur, Capetón ou Tititaca. Pódense utilizar tal cal e pódense decorar, pintar, personalizar… ata instrumentos musicais se poden facer con chapas!!! Son doadas de levar: cunha presiñas de chapas e xiz pódense facer xogos ben diferentes.
E ademais ... xogar ás chapas é divertidísimo!! Proba e verás


Preguntas breves con respostas sinxelas

- Que é a Ludochapa?
Unha ludoteca móbil de xogos con chapas.
- E que precisa a Ludochapa?
Unha Caixa de Xogos Reunidos de Chapas, monitores e chapas.
- Que é unha Caixa de Xogos Reunidos de Chapas?
Unha caixa de 80 x 60 x 7 cm (aproximadamente) que contén chapas, explicación dos xogos (Guía da Ludochapa) e taboleiros para unha ducia de xogos con chapas.
- E como son as chapas?
Pintadiñas de diferentes cores, algunhas con peso (cera, masa, silicona ...) e ata decoradas (cunchas, pedriñas, elementos vexetais, moedas ...).
- Quen pode xogar?
Persoas, de 4 aniños en diante.


Fundamentación

A chapa como xoguete é un elemento universal presente en multitude de xogos coas súas diversas variantes. A chapa ten compoñentes característicos de xogos tradicionais: é barata, todos podemos conseguir chapas, serve para varios xogos diferentes e resulta ser facilmente personalizable –con pinturas, deseños ou dándolle peso-. Como outras vantaxes, é cómodo o seu transporte e calquera intre é bo para botar unha partida coas chapas.

A nosa proposta de recuperación dos xogos de chapas, ademais de mostrar un interese por este tipo de xogos, afonda no compoñente participativo e socializador do xogo, de aí a idea de procurar crear unha liga de xogos de chapas.

Nas nosas mentes, ao longo dos últimos anos, existe e persiste a idea de empregar material que adoita rematar no lixo como base para construír xogos e demais argalladas. Unha chapa para xogar, toda pintadiña e relucente, é unha chapa menos no lixo; un par de milleiros de chapas para xogar, son un par de milleiros de chapas menos no lixo. Se cadra non estamos a evitar o problema da xeración excesiva de lixo, pero cando menos sacamos partido a algo que ía rematar no vertedoiro, ao tempo que non se mercan xoguetes plasticosos, caros e contaminantes.

Xogar con materiais baratos e doados de acadar. Hai alguén que non poida apañar unha ducia de chapas? Se as pintas son máis bonitas, pero sen pintar tamén serven para xogar. Hainas de refrescos, de cervexas, de cava e de zumes, de distintas cores e tamaño, ata de formas -¡as de cava son fantásticas como pelota de Futbolchapa!-. Un xogo que podes facer sen gastar menos dun euro é un xogo que paga a pena probar.

A tradición. As carreiras de chapas son un xogo ben antigo, abonda remontarse uns anos atrás para lembrar carreiras de chapas en patios e prazas; quen perdía, quedaba sen chapas, quen gañaba, preparábase para o vindeiro sábado. Recuperar xogos dos nosos pais e nais significa non deixar caer no esquecemento un compoñente da cultura galega.



A Ludochapa na rede de centros socio-culturais do concello de Santiago

Dende Xaneiro ata San Xoán de 2006, nos Centros Socio-Culturais de Compostela implementouse unha liga de xogos con chapas, denominada Liga Intercores porque as persoas participantes –de 5 a 13 anos- xogaban en representación dunha cor que escollían libremente entre as oportunidades que ofrece o arco da vella.

Comezouse por 4 centros –os dos barrios de Vite, As Fontiñas, A Trisca e Conxo- que recibían a visita de dous expertos ou Ilustres Xogadores, quen lles aprendían os xogos e monitorizaban a actividade. Máis tarde, procurando descentralizar a actividade a centros máis pequenos, incorporáronse os centros das zonas de Amio, Figueiras e Casco Histórico. Nestas visitas, ademais dos distintos golpeos de chapas, establecíase un sistema de puntuación, premiando tamén a participación e o bo facer, ademais das chapabilidades de cada participante. A idea, ben simple, foi a de atopar quen eran os chapóns e chaponas dos diferentes xogos con chapas, merecidamente recompensados cun diploma acreditativo e unhas bolsiñas que contiñan os elementos precisos para botar unha partida ao xogo no que foron chapóns ou chaponas.

Na procura de que a actividade no ficase nos días que os Ilustres visitaban ao centro, dotouse a cada ludoteca de Caixas de Xogos Reunidos de Chapas, de xeito que os xogos e taboleiros estaban a disposición das rapazas e rapaces. Para a Ludochapa foi un éxito o feito de que iso funcionase, e resultou moi gratificante ver que se empregasen as Caixas de Xogos.

Para dinamizar a actividade, botouse man dos recursos de monitores e monitoras, e editouse un boletín –xa contra o final do proxecto- o Chapachapín, no que se daba conta de novidades, vindeiras datas, quen era o chapón ou chapona do mes, que cor-equipa ía por diante na táboa de clasificacións, etc.

No tocante á avaliación, establecéronse varios niveis. Realizábase unha ficha para cada visita aos centros, de xeito que se recollían os nomes das persoas participantes, monitorado, xogos feitos e unha breve valoración persoal. Tamén se fixo unha xuntanza cos responsables das aulas de xogo dos centros, para avaliar en conxunto cos monitores, e mirar de mellorar de cada a posibles edicións futuras. E finalmente fíxose unha avaliación por parte da Ludochapa, que se incluíu na memoria do proxecto.


A Ludochapa gustaría de …

… Que a xente xogase, independentemente da súa idade. Por iso temos diferentes tipos de xogos segundo os aniños e o espírito de cada persoa.

… Que quen quixese probar a xogar coas chapas, contactase co enderezo electrónico de Ludochapa, para que poida recibir as fichas cos xogos, os textos da Guía da Ludochapa, ou mirar de recibir unha visita.

… Que se miren de recuperar e, de for preciso, re-pensar xogos populares e tradicionais para que non se perdan e, sobre todo, para gozar con eles.

Nenhum comentário: