Fichas de obradoiros: PINTACHAPA

Nome: Obradoiro de chapas, Pintachapa.
Motivación: As chapas son un interesante recurso material para diferentes obradoiros, creativos, lúdicos e artísticos.
Acción: Pintar chapas para facer equipas e como primeiro paso para persoaliza-las nosas chapas.
Loxística: Superficie plana para apoiar taboleiro, espacio cómodo para manualidades, pintura en esprai.
Idade: A partir de 12 anos.

¿QUE PRECISAMOS?
Chapas, pintura en esprai (botes de 230 ml), un taboleiro. IMPORTANTE: sobre este taboleiro imos pintar, así que é mellor aproveitar un taboleiro vello ou mercar un. As dimensións axeitadas son de 60 x 80 cm para pintar de cada tacada unhas 35-40 chapas. Non valen cartóns ou plásticos porque a pintura pegaría a chapa ao cartón ou plástico e resulta complicado de separar e así queda unha chafallada.

¿E COMO SE FAI?
Buscamos un lugar axeitado para pintar, a sabendas de que se non utilizamos nunca pintura en esprai igual a primeira vez o resultado non é moi alá. Recomendamos pintar nun lugar cun pouco de espacio libre no contorno do taboleiro, polo que poida pasar -que non ten que pasar, claro. No 95 % dos casos non pasa nada, pero o 5 % restante adoita coincidir co día que alguén deixou algo que non se podía manchar xusto ó carón do taboleiro e vas ti e dis "boh, déixoa estar, total non creo que lle salpique"... ¡E zas!-.
Solucionada a ubicación do taboleiro, temos que colocar nel as chapas. Unha distancia de separación axeitada entre chapa e chapa é de 7 cm, e colocalas en filas e columnas facilita o pintado. Comeza por pinta-lo interior das chapas, déixalas secar un pouco (ou daslle a volta con coidado de non mancharte) e logo pinta-la outra cara da chapa. Cólle-lo esprai e le-las instruccións (o normal é que teñas que axitalo con movementos de arriba a abaixo co bote de esprai invertido: coa parte da tapa mirando para o chan durante un minuto máis ou menos). Hai diferentes marcas de pintura en esprai no mercado, como orientación toma o prezo de 2 euros, e un bote dá para unhas 70-80 chapas.
Taboleiro con chapas listo, esprai listo, espazo listo ... ¡Pois a pintar! Pinta sempre de fronte a chapa e pensa que o taboleiro ten catro lados: é mellor pinta-la chapa de fronte dende cada lateral do taboleiro, de xeito que fagas primeiro unha pasada a tódalas chapas dende un mesmo lateral, logo vas ao seguinte lateral do taboleiro (móveste ti ou móve-lo taboleiro, segundo sexa máis cómodo) e pintas. Así co terceiro e cuarto lateral, de xeito que a chapa quede ben pintadiña.
Deixámolo secar un día e logo recollémo-las chapas. Se lle botaches demasiada pintura notaralo porque a chapa fica un tanto pegada ao taboleiro; abonda con botar man dun destornillador de punta plana para libera-la chapa.

Fichas de obradoiros: MÚSICACHAPA

Nome: Obradoiros con chapas, Musicachapa.
Motivación: As chapas son un interesante recurso material para diferentes obradoiros,
creativos, lúdicos e artísticos.
Acción: Facer un instrumento musical con chapas a partir das chapas-ferreñas feitas no obradoiro de Furachapa e Machacachapa.
Loxística: superficie axeitada para emprega-lo martelo.
Idade: A partir de 11 anos.

¿QUE PRECISAMOS?
chapas furadas (ver obradoiro Furachapa), martelo, puntas coa cabeza ancha, un taco de madeira sobre o que emprega-lo martelo, superficie apropiada para emprega-lo martelo e tantos tacos de madeira como instrumentos musicais ou matraquiños queiramos facer.
¿E COMO SE FAI?
Collemos un pau -é máis doado clavar en lsitóns de mandeira planos ca nun pau redondo- por exemplo de 24 x 4 x 1 cm.
Deixamos parte do pau para agarrar coa man e pola outra marcamos tres ou catro puntos separados alomenos 4 cm entre si. Neses puntos imos clava-las puntas, pero antes de facelo pasámo-las puntas polo buraco das chapas feitas no Furachapa. 4 chapas por punta son abondo, pero hai quen lle mete máis: ti escolles.
Se as chapas teñen plástico, podes quitarllo ou ben deixalo e colocar parte metálica contra parte metálica (soa máis). Procura que as chapas do medio teñan un buraco grande para que escorregue ben e que a de diante/arriba o teña máis pequeno, para que non escapen as chapas da punta clavada.
E agora, con coidado, cláva-las puntas nos lugares marcados antes no pau. Ten tino para non clavar de máis. Repíte-la operación con 3 ou 4 puntas, e tes un instrumento musical de percusión que lle chamamos matraquiño para ir dando a nota e a chapa.

Fichas de obradoiros: FURACHAPA

Nome: Obradoiros con chapas, Furachapa.
Motivación: As chapas son un interesante recurso material para diferentes obradoiros, creativos, lúdicos e artísticos.
Acción: Furar chapas coa axuda dun martelo e unha punta para empregalas como colgante ou ferreña.
Loxística: superficie axeitada para emprega-lo martelo, taco de madeira, martelo e punta gorda.
Idade: A partir de 12 anos.

¿QUE PRECISAMOS?
Chapas machacadas (ver Machacachapa), martelo, superficie apropiada para emprega-lo martelo, un taco de madeira e unha punta gorda.
¿E COMO SE FAI?
Collémo-las chapas machadas e colocándoas sobre o taco de madeira (enriba dunha superficie axeitada) situámo-la punta gorda en perpendicular á chapa xusto no punto onde queremos fura-la chapa: o medio e medio da chapa. Dámoslle co martelo á punta e a chapa queda furada.
As chapas furadas e machacadas pódense pintar e facer colgantes con elas, e tamén son un material fantástico para empregar como ferreñas (esas cousiñas metálicas das pandeiretas), que nos serven para facer un obradoiro de Musicachapa.

Fichas de obradoiros: MACHACACHAPA

Nome: Obradoiros con chapas, Machacachapa.
Motivación: As chapas son un interesante recurso material para diferentes obradoiros, creativos, lúdicos e artísticos.
Acción: Esmagar chapas coa axuda dun martelo para empregalas como colgante.
Loxística: superficie axeitada para empregar o martelo, taco de madeira e martelo.
Idade: A partir de 11 anos.

¿QUE PRECISAMOS?
Chapas, martelo, superficie apropiada para emprega-lo martelo e un taco de madeira.

¿E COMO SE FAI?

Colocámo-la chapa coa parte interior boca abaixo sobre o taco de madeira e dámoslle co martelo de xeito que a chapa fique aplastada.
A idea é sinxela pero requiere unha pouca habilidade e certo tino, ¡e resulta ideal para liberar tensións!

Pode ser que a chapa quede cos "dentes" para dentro ou para fóra, iso xa depende da destreza e gusto de cada un para darlle unha forma ou outra.
As chapas machacadas están guai para facer colgantes, ferreñas (esas pezas metálicas das pandeiretas) ou como fichas para algúns xogos.

Fichas de obradoiros: CUNCHACHAPA

Nome: Obradoiros con chapas, Cunchachapa.
Motivación: As chapas son un interesante recurso material para diferentes obradoiros, creativos, lúdicos e artísticos.
Acción: Decorar chapas con cunchas ou outras cousa bonitas para facer equipas e para persoaliza-las nosas chapas.
Loxística: superficie plana para, espacio cómodo para manualidades.
Idade: A partir de 11 anos.

¿QUE PRECISAMOS?
chapas, cunchas, barra de silicona e pistola de silicona

¿E COMO SE FAI?
A primeira parte do obradoiro é igual ó obradoiro de Enchechapa de Chapaenchenta:
Buscamos unha mesiña e colocamos un xornal aberto á metade sobre a mesa para non manchar. Collémo-las chapas (mellor xa pintadas) e colocámolas coa parte interior cara arriba. Entrementres collémo-la pistola de silicona enchufámola e agardamos a que quenza un pouquiño (¡Ollo, que queima!). Coa pistola xa quente metémo-la barra de silicona e preparámonos para ir enchendo chapas.

IMPORTANTE: ¡¡antes de comezar a bota-la silicona, proba que a cuncha cabe dentro da chapa!!

É aconsellable botar silicona nunha chapa e pega-la cuncha nesa chapa de unha nunha (se metes silicona en varias chapas corres o risco de que cando vaias pegar as derradeiras chapas xa estea seca a silicona).
É mellor botar pouca silicona: abonda unha pouquiña para pega-la cuncha.

Nun par de minutos xa tes a túa chapa lista e persoalizada.
As equipas oficiais constan de alomenos 11 chapaxogadoras, todas metidiñas nun saquiño.


Tamén tes:
GARBACHAPA: uns garbanzos en vez de cunchas.
LANDRACHAPA: parte das landras en vez de cunchas.
PEREGRINOCHAPA: moedas de 1, 2 ou 5 centimos coa silueta da Catedral de Santiago.
DENTECHAPA: só se tes algún irmán ao lle estean a cae-los dentes (dentes arrincados non valen porque a violencia nunca trae nada bo nin tampouco é solución).
PEDRACHAPA: con pedriñas (na praia hainas preciosas ... ou pintadas).
... o que queiras inventar !!!

Fichas de obradoiros: ENCHECHAPA

Nome: Obradoiros con chapas, Enchechapa: Chapaenchenta, Chapucera e Masachapa.
Motivación: As chapas son un interesante recurso material para diferentes obradoiros,
creativos, lúdicos e artísticos.
Acción: Encher chapas con diferentes tipos de materiais: silicona, cera, masa de pan, plastilina, etc. Enchendo a chapa tamén podemos aproveitar para persoalizala.
Loxística: superficie plana, toma de corrente, espacio cómodo para manualidades, material para encher.
Idade: A partir de 9-10 anos.

CHAPAENCHENTA
¿QUE PRECISAMOS?
chapas, pistola (termocoladora) de silicona e barras de silicona transparente
¿E COMO SE FAI?
Buscamos unha mesiña e colocamos un xornal aberto sobre a mesa para non manchala.
Collemo-las chapas (mellor xa pintadas) e colocámolas coa parte interior cara arriba. Entrementres collemo-la pistola de silicona enchufámola e agradamos a que quenza un pouquiño (¡Ollo, que queima!). Coa pistola xa quente metémo-la barra de silicona e preparámonos para ir enchendo chapas. Non fai falla moita cantidade, pero iso é cuestión de gustos.

CHAPACERA
¿QUE PRECISAMOS?
Chapas, candeas e chisquiero ou mistos.
¿E COMO SE FAI?
Buscamos unha mesiña e colocamos un xornal aberto á metade sobre a mesa para non manchala.
Collemo-las chapas (mellor xa pintadas) e colocámolas coa parte interior cara arriba, deixando un pouco de espacio entre unha e outra. Acendémo-la candea e preparámola para que deixar cae-la cera dentro da chapa.
MASACHAPA
¿QUE PRECISAMOS?
Chapas, fariña, auga, sal, recipiente para amasar e forno.
¿E COMO SE FAI?
Con fariña, sal e auga facemos unha masa como se fose unha empanada (pregúntalle a un maior), as proporcións son as de sempre: a ollo. Se ves que non liga, mételle auga, se te pasas coa auga, máis fariña. É convinte que leven abondo sal para que se conserve. Lembra que con pouca masa (50 g de fariña) tes para moitísimas chapas. Cando xa teñas todo amasado, podes ir enchendo as chapas con masa. É imporante non encher toda a chapa porque logo a masa crece un pouco e non convén que a masa sobresaia da chapa: con encher ata a metade coa masa, abonda. Mételas chapas no forno uns 15-20 minutiños a temperatura media (175 ºC) e logo sácalas na bandexa do forno (¡Ollo, non as toques coa man que queiman!).

Fichas de xogos: O OLLO


Nome: O Ollo.
Motivación: Xogos sinxelos, ecolóxicos e divertidos. Cunha simple presiña de chapas pódese xogar a ben distintos xogos.
Tipo de xogo: Sesións de práctica de move-la chapa co dedo, práctica de precisión na potencia e dirección, xogo básico, campionato.
Loxística: Arremedamento do popular xogo homónimo con canicas.
Material: Xiz ou un pauciño para esgarabellar na terra. Pódese tamén xogar en caixas grandes, a modo de cadrilátero.
Idade: A partir de 5-8 anos.
Nº Xogadoras/es: 2-5


Un ollo ou pelota de rugbi trazada no chan e unha presa de chapas dentro.
Por turno cada xogador cunha presiña de chapas dende fóra proba a libera-las chapas presas batendo nelas e sacándoas do ollo.
As chapas que fiquen dentro fican presas.
Quen quede sen chapas queda sen chapas.
Quen libere máis chapas liberou máis chapas.

Fichas de xogos: BALONMÁN

Nome: Balonmán.
Motivación: Xogos sinxelos, ecolóxicos e divertidos. Cunha simple presiña de chapas pódese xogar a ben distintos xogos.
Tipo de xogo: Sesións de práctica de move-la chapa co dedo, práctica de precisión na potencia e dirección, xogo básico, campionato.
Loxística: Disposición de mesas ou taboleiros suficientes de modo que por parellas se poidan situar enfrontad@s.
Material: Superficies lisas suficientes (mesas ou taboleiros, non vale o chan! A mesa do profe é ideal). 14 chapas por parella (poden ser con peso).
Idade: A partir de 8 anos.
Nº Xogadoras/es: 2
7 chapas por equipa nun campo con dúas porterías.
A posición de inicio é as dúas equipas en na liña de fondo. A partir daquí debe mover de golpe limpo unha chapa de cada vez de xeito que:
1) avance sempre cara a canasta,
2) cada chapa que se desprace atravese a liña imaxinaria que se crea entre as outras dúas chapas (dá igual de que equipa) e a supere sen bater nelas.

Gaña quen mete máis chapas na portería contraria.
As chapas que saen fóra, fican fóra e non se contan nos movementos de avance.

Fichas de xogos: ENTRADA A CANASTA

Nome: Entrada a Canasta.
Motivación: Xogos sinxelos, ecolóxicos e divertidos. Cunha simple presiña de chapas pódese xogar a ben distintos xogos.
Tipo de xogo: Sesións de práctica de move-la chapa co dedo, práctica de precisión na potencia e dirección, xogo básico, campionato.
Loxística: Disposición de mesas ou taboleiros suficientes de modo que por parellas se poidan situar enfrontad@s @s xogadores facendo mutuamente de canasta e xogador por turnos.
Material: Superficies lisas suficientes (mesas ou taboleiros, non vale o chan! A mesa do profe é ideal). 3 chapas por parella.
Idade: A partir de 6-7 anos.
Nº Xogadores/as: 2
Póusanse maimiño e furabolos estirados sobre o canto dunha mesa (ou similar) ficando medianiño e pai-de-todos agochados cara abaixo. Est@ será a Canasta. No outro extremo, @ outr@ xogador dispón tres chapas en triángulo e bate nunha delas de xeito que se desprazan pola superficie.
A partir daquí debe mover de golpe limpo unha chapa de cada vez de xeito que:
1) avance sempre cara a canasta,
2) cada chapa que se desprace atravese a liña imaxinaria que se crea entre as outras dúas chapas e a supere sen bater nelas (para iniciación pode ser suficiente pasar entre ambas aínda que se bata nalgunha delas).
Se da atinado na canasta entre o maimiño e mailo furabolos, anótase un tanto. Se a chapa sae do taboleiro ou se realiza un movemento inválido, troca o turno.

Fichas de xogos: CARREIRAS ou CICLISMO

Nome: Carreiras ou Ciclismo.
Motivación: Xogos sinxelos, ecolóxicos e divertidos. Cunha simple presiña de chapas pódese xogar a ben distintos xogos.
Tipo de xogo: Sesións de práctica de move-la chapa co dedo, práctica de precisión na potencia e dirección, xogo básico, campionato.
Loxística: Podense empregar tódolos recursos que ofreza o medio: dende o tradicional xiz no chan ou camiño esgarabellado cun pauciño na terra, ate saltos por escaleiras, ou nunha sala grande ir ata unha boia e da-la volta, todo tipo de probas ou chegar a un punto dado dende unha distancia, por exemplo. Recomendable que logo dalgunhas propostas, @s participantes escollan a circuitometraxe.
Material: recursos do medio. Xiz.
Idade: A partir de 5 anos.
Nº Xogadoras/es: 2-5.
En circuítos longos e retortos, pódese xogar de distintas maneiras: en carreira individual ou en plan competición por equipas.
Hai regras que poden variar, por exemplo se unha chapa sae do circuito sinalado, pode:
a) volver ó inicio,
b) ficar onde saeu e perde un turno,
c) ficar onde estaba antes de se mover.

Cada circuíto e cada grupo de xogadores decidirán as súas regras.

Fichas de xogos: FUTEBOL


Nome: Futebol.
Motivación: Xogos sinxelos, ecolóxicos e divertidos. Cunha simple presiña de chapas pódese xogar a ben distintos xogos.
Tipo de xogo: Sesións de práctica de move-la chapa co dedo, práctica de precisión na potencia e dirección, xogo básico, campionato.
Loxística: Pódese curra-la escenografía (porterías, bandeirolas, gradas...) facéndoo máis bonito, aínda que non é imprescindible.
Material: Chapas machacadas ou outras pelotas, chapas para facer de porteiros, equipas de 6/10 chapas iguais ou parecidas, rectángulo -taboleiro ou chan- mínimo de 1/2 m de ancho.
Idade: A partir de 6 anos.
Nº Xogadores/as: 2


Nun rectángulo grande trazado no chan ou nun taboleiro imítanse os trazos dun campo de futebol. Dispóñense 6/10 chapas por equipa e máis un porteiro (que debe ser recoñecible). Cóllese unha pelota (por exemplo unha chapa cos cantos lixeiramente machacados ou de cava)e iníciase o xogo con movemento por turnos remedando na medida do posible o fútbol grande.
Cada xogador move unha chapa dun golpe limpo en cadaocasión, tanto pode petar na pelota como realizar movementos de tipo posicional. Pódese xogar por turnos simples ou por turnos con "posesión", que é cando unha chapa dun xogador ven de bater na pelota: nese turno/movemento @ contrincante non pode toca-la pelota -no caso de facelo incurriría en falta- e só si realizar movemento de tipo posicional ou defensivo.
En caso de que unha chapa saia por fóra de banda, deíxase onde está ou tráese á banda ficando inutilizable un turno. No caso de unha chapa saír trala liña de porta do atacante, retorna á liña de porta propia. No caso de a pelota saír por liña de banda, sitúase unha chapa da equipa que saca na banda e ambas equipas realicen a cadanseu movemento posicional.
En caso de córner sitúase unha chapa para o saque e realizan tres movementos posicionais ambas escadras. En caso de falta é potestade d@ defensor poñer barreira, e ademais realizan a cadanseus dous movementos. En caso de saque de porta pódense reorganizar a pracer as chapas todas polo campo.
O porteiro só pode xogar cando a pelota se atopa dentro da área grande e logo de se mover retorna á liña de gol.

Fichas de xogos: GOLF


Nome: Golf.
Motivación: Xogos sinxelos, ecolóxicos e divertidos. Cunha simple presiña de chapas pódese xogar a ben distintos xogos.
Tipo de Xogo: Sesións de práctica de move-la chapa co dedo, práctica de precisión na potencia e dirección, xogo básico, campionato.
Loxística: Precísase dunha serie mínima de maquetas artesamente elaboradas dispostas cunha numeración. Organízanse grupos de xogo (número variable: 4 pode ser recomendable) e cada un vai anotando os resultados de cada turno nunha cartulina en forma de táboa básica: xogador / "x"golpes ou puntos por burato.
Material: Maquetas. Cartonciños. Útiles de escrita.
Idade: A partir de 9 anos.
Nº Xogadoras/es: 1-6.


Empréganse maquetas de variado formato no que por algures hai un burato no que se debe atinar coa chapa.
Cóntase o número de golpes que lle foi preciso dar a cada xogador en cada Burato -que e como se lle chama as maquetas, numeradas a súa vez- e anótase nunha ficha. Hai dúas modalidades de xogo/competición:
a) Cóntase o número total de golpes: cóntase cantos golpes en cada burato e anótase.
b) O primeiro leva tantos puntos como xogadores hai na partida, o segundo leva un punto menos que o primeiro, o terceiro leva un puntos menos que o segundo ... e o derradeiro leva 1 punto.
En ambos casos un grupo de xogadores vai probando sorte sucesivamente nunha serie de maquetas que constitúen unha serie. Os resultados de cada burato súmanse ó final.

Fichas de Xogos: A TORRE


Nome: A Torre.
Motivación: Xogos sinxelos, ecolóxicos e divertidos. Cunha simple presiña de chapas pódese xogar a ben distintos xogos.
Tipo de xogo: Xogos do mundo.
Loxística: Este xogo requiere unha superficie lisa. Moi democrático por canto a pericia consiste en ter bo pulso e non noutras habilidades froito da forza, idade ou similar.

Material: Chapas.
Idade: A partir de 4 anos.
Nº Xogadores/as: 2-6.



Cada xogador apaña unha presa de chapas.
@ primeir@ xogador pon unha chapa no medio, @ segund@ pon unha sobre esta, @ terceir@ outra... así progresivamente en círculo até a alguén se lle derruba-la torre. Daquela @ xogador a quen se lle derrubou apaña para si tódalas chapas caídas e sitúa unha nova chapa.
Segue até alguén rematar coa sua presada de chapas (por exemplo @s tres primeir@s).

Fichas de xogos: ATLETISMO


Nome: Atletismo.
Motivación: Xogos sinxelos, ecolóxicos e divertidos. Cunha simple presiña de chapas pódese xogar a ben distintos xogos.
Tipo de xogo: Sesións de práctica de move-la chapa co dedo, práctica de precisión na potencia e dirección, xogo básico, campionato.
Loxística: Precísanse os circuítos claramente trazados e coa indicación da proba a que corresponde cada un. Por exemplo 100 m, 200 m, 400 m e 4000 m. No caso de desexalos, ter previsto algún tipo de obstáculos.
Material: Xiz e chapas.
Idade: A partir de 5 anos.
Nº Xogadoras/es: 2-5.



Xógase en circuítos rectilíneos ou ovalados. Os primeiros son para carreiras de precisión e velocidade, mentres que os segundos son para carreiras de fondo. Pódese xogar de distintas maneiras, en carreira individual ou en plan competición por equipas. Hai regras que poden variar, por exemplo se unha chapa sae do circuito sinalado, pode:
a) volver ó inicio,
b) ficar onde saeu e perde un turno,
c) ficar onde estaba antes de se mover.

Cada circuíto e cada grupo de xogadores decidirán as súas regras.

Dimensións taboleiros


PERSECUCIÓN: dameiro de 14 x 9 casillas cadradas de 3 cm. É aconsellable deixar outros 3 cm entre o dameiro e o o borde do taboleiro.
O OLLO, ENDE e O QUEIXIÑO: circunferencias de 3, 6, 9 cm de radio.
FUTEBOL: ver debuxo


Cómpre deixar 3 cm entre as liñas de banda e o borde do taboleiro.

Golpeo de chapas


Cadaquén pode xogar como queira, só e cos coelgas. Descrubre maneiras de xogar coas que o pasedes ben. Invenade novos xogos, se non vos abondan os desta guía.
Agora ben, como os xogos de chapas son algo antiquísimo e universal, hai modos de xogar con elas considerados recomendables pola tradición.
Falamos dos xogos nos que hai que golpea-la chapa para que se mova polo espazo (o ollo, carreiras, futebol ...), non daqueles xogos nos que a chapa se utiliza como ficha (persecución, ende ...).
Tradicionalmente considérase que non é valido chuzar: arrastra-la chapa coa man ou facer dorza coa man cando se lle dá co dedo. Considérase axeitado petar na chapa co dedo de maneira limpa quedando a man máis o menos quieta.
Hai 2 xeitos básicos golpeo: o toque de Precisión e o de Forsa.

O TOQUE DE PRECISIÓN
Poñe-los dedos furabolos e pai-de-todos coa punta pousada na mesa imitando un par de pernas e, apoiándose no furabolos dar co pai de todos un patadón á chapa.
Axeitado para dar toques precisos tanto en dirección como en potencia (futebol, entrada a canasta, balonmán…)

O TOQUE DE FORSA
A uña do pai-de-todos apóiase na xema do matapiollos facendo forza. Esvarando suavemente libérase logo deste percutindo na chapa e mandándoa ó quinto…
Axeitado para lle dar con forza (carreiras…)

Tradicionalmente tamén se lle mete peso ás chapas para evitar que voen cando se botan carreiras e máis ter máis control cando o golpeo o requiere. Cadaquén é libre de experimentar co peso e o material que lle dea mellor xeito. Ó final desta guía atoparás creativas ideas relativas a isto.

O porqué das chapas

As chapas son baratas e doadas de conseguir, un dos elementos fundamentais dos xogos populares e tradicionais. Dende os máis novos aos máis vellos poden xogar ás chapas, non é unha cuestión de forza senón de habilidade, e hai xogos para case tódalas idades. Vaias onde vaias, hai chapas, non importa se é Fisterra ou Singapur, Capetón ou Titicaca, a chapa é un elemento universal. E pódense decorar, pintar, persoalizar, ata facer instrumentos musicais!!! Tamén son fáciles de levar, unha presiñas de chapas abonda para xogos diferentes.
Ademais ... xogar ás chapas é divertidísimo!!

Introducción á Ludochapa

Dentro da grande variedade de xogos de chapas que podemos atopar, se cadra o máis difundido son as Carreiras de Chapas: un circuíto pintado no chan con xiz, ou ben marcado con pau sobre a terra e unhas chapas, algunhas con peso e pode que ata pintadas ... carreiras a mañanciña do sábado diante de Bonaval, campionatos para ver quen é o mellor do barrio, e o gañador queda coas chapas ...

Dende hai dous anos un equipo de persoas do ámbito do lecer levamos investigando, ideando e probando xogos con este elemento que a miúdo remata no cesto do lixo. Froito desta experimentación naceu a Ludochapa, unha ludoteca móbil a partir do xogar con chapas e vontade artística.